En Baleira podemos degusta-los variados e abundantes produtos da zona, especialmente as súas carnes de tenreira e porco, preparadas nas súas múltiples variedades, con excelentes embutidos, como o butelo, prato tradicional destas terras elaborado dunha maneira totalmente artesanal. Outros productos típicos son o pan, o queixo, o mel, as castañas ou productos ligados a periodos estacionais como a enorme variedade de cogumelos que producen os nosos bosques.
Por excelencia o Butelo é o prato máis codiciado de toda a comarca, que non pode faltar en ningún cocido, acompañado do resto de productos do porco (chourizos, cachola, dente, soá, lacón..) xunto excelentes grelos que se producen nesta zona, garbanzos e patacas cocidas, fan que o cocido da montaña lucense sexa un dos máis apreciados en toda Galicia. Outro prato de extraordinario sabor é a carne de tenrreira que se produce no municipio, cociñada de múltiples variedades.
Actualmente, existen butelos elaborados que, malia segui-las normas de elaboración artesá, permiten por mor das cámaras frigoríficas e demais tecnoloxías incorporadas elaborar butelo en calquera época do ano; algo que, no caso dos que se elaboran na casa para autoconsumo ou os demais artesáns para a venda inmediata, non é posible, dado que se ten que limitar á época da matanza, no inverno. Esta iniciativa moderna estase exportando xa a distintas comunidades autónomas españolas, sobre todo a Cataluña.