A igrexa, nai da capitalidade do municipio, é un templo amplo, de tres naves, separadas por pilares e pilastras. Os materiais utilizados na súa construcción son a cachotería e a lousa para a cuberta, montada sobre un armazón de madeira.
Na fronte da nave central levántase a torre con tres corpos, o de abaixo cunha pilastra e un pilar, serve de porche; o do medio, en sillarexo, está coroado por unha cornisa saínte e o superior ten catro troneiras, dúas campás e cimacio octogonal.
O presbiterio, máis abaixo cá nave, cúbrese coma aquela a dúas vertentes, reforzando os empuxes de dous contrafortes nos ángulos extremos e outro no lateral sur. O presbiterio fai de sacristía, achándose o altar baixo o arco triunfal. O coro alzado sitúase ós pés, mentras nas pilastras laterais atopamos unha pía de auga bendita, unha pía bautismal e o púlpito.
O retábulo maior, barroco, ten tres fornelos no corpo inferior, outros tres no superior e catro columnas salomónicas. Conserva vestixios do dourado e da pintura. Posúe esculturas de San Lourenzo, San Antonio con Neno nos brazos, Virxe do Rosario e un Santo bendecindo coa man dereita.
Entre outros elementos que forman parte do seu patrimonio destacan algunhas pezas interesantes: unha cruz de metal dourado con brazos cilíndricos, un acetre e un incensario, ambos de metal dourado, un cáliz de prata cicelada, un copón de prata repulido do século XVII ou XVIII e un sagrario na sacristía con Cristo resucitado.