A gran cantidade de testemuñas arqueolóxicas existentes no Municipio de Baleira reflicten o feito de que estas terras contaron con poboadores desde a prehistoria. Son moitos os lugares que constatan a existencia de enterramentos de época megalítica, como A Medorra, asentamentos castrexos de épocas prerromanas, como o Castro de Cubilledo, Castro de Degolada, Castro de Córneas, Castro de Valdería,etc.
Se ben non é ata o século XIX coa invasión musulmana cando temos a primeira referencia histórica do actual Concello de Baleira, cando no ano 813, en tempos de Alfonso II ¿O Casto¿, librouse unha batalla entre moros e cristiáns no lugar coñecido como Campo da Matanza, na parroquia da Esperela. Como testemuña deste feito consérvase un escudo na antiga Casa do Concello no que aparece un cristián armado acoitelando ós soldados mouros. Excavacións realizadas nesa zona deixaron ó descuberto armaduras, acicates e restos humáns. Tamén se sabe que antes da actual división municipal, na antiga xurisdicción de Baleira, exerceron o seu señorío varios nobres, dos que o máis coñecido era o conde de Amarante.
Pola antiga xurisdicción do Val de Baleira deixaron tamén as súas pegadas as tropas napoleónicas, cando no 1809, en persecución do xeral inglés Sir. Jhon Moore, incendiaron o lugar da Fontaneira. Os lugareños, dirixidos por Xosé Páramo e Montesino, veciño destas terras, conseguiron desfacerse dos invasores, que escaparon polos lugares de Valdería, Puñago e Pradeda, dando nome o sendeiro hoxe coñecido como Camiño dos Franceses.
No Concello de Baleira son moitas as mostras arquitéctonicas que podemos atopar. No eido da arquitectura relixiosa hai que destacar as igrexas parroquiais de San Miguel da Braña, Cubilledo, Degolada, A Fontaneira, San Pedro da Esperela, Fonteo, A Lastra, Librán, Martín, Pousada e Retizós. Asemade destacan as capelas de Castro, Xestoso, Cortevella, Santa Bárbara e tantas outras que enriquecen o patrimonio artístico deste municipio, dotado dunha prolífica mostra de arte sacro. No tocante á arquitectura civil, citar a Casa de Luaces, na parroquia da Esperela, a casa-pazo de Albaredo, en Córneas, e a Antigua Casa do Concello.